Son cantante e compositora e compoño e interpreto espazos sonoros. Nas miñas pezas de artes escénicas podes escoitar moitos destes espazos sonoros e melodías. Ademais, fixen proxectos específicos de arte sonora, como Escoitas de Alemparte, que foi o proxecto seleccionado en 2022 dentro da convocatoria Idear Alemparte, comisariada por Sara Donoso e Silvia García, e teño nun proxecto musical independente como cantautora.
Veño de crear tres novas pezas escénicas multidisciplinares nas que as miñas cancións ocupan un espazo protagonista: Na cerna do mar, No ventre da noite e Algo berra en min.
Paixón e formación
Empecei a inventar cancións cando era unha nena, temas que gravaba nun vello magnetófono de cassettes, e a música e a creación de cancións foron dende entón o meu grande acubillo. Comecei a miña formación estudando canto popular e pandeireta na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, con Xisco Feijoó, e na Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela, con Jara Ortiz, e posteriormente formei parte dos coros de música gospel LUMSA Gospel Singers (no Vaticano), Voices of Freedom (Roma) e o coro da Escuela de Música Creativa de Madrid. Formeime en técnica vocal e canto con diferentes profesores e en diferentes lugares e escolas (Carlo Alberto Gioja, en Roma; Dani Reus, na Escuela de Música Creativa, en Madrid…) ata atopar a soprano Sagrario Salamanca, coa que levo formándome máis dunha década.
Dende o ano 2017 comecei tamén a formarme en piano, un instrumento do que namorara xa dende nena, con Úrsula Casás, e a compoñer en diálogo con el.