Son cantante e compositora e compoño e interpreto espazos sonoros. Nas miñas pezas de artes escénicas podes escoitar moitos destas destas cancións e espazos sonoros. Ademais, fixen proxectos específicos de arte sonora, como Escoitas de Alemparte, que foi o proxecto seleccionado en 2022 dentro da convocatoria Idear Alemparte, comisariada por Sara Donoso e Silvia García, e teño nun proxecto musical independente como cantautora.
Actualmente estou a presentar o meu novo proxecto escénico-musical, titulado Natureza persoal, no que as cancións son as protagonistas, aínda que mantendo a miña poética multidisciplinar. A partir da preparación deste proxecto xurdiron outros subproxectos vinculados, Algo berra en min, No ventre da noite e Na cerna do mar.
Ademais, na 43ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas estrearei un novo traballo escénico que tamén se vincula con Natureza persoal e que combina a música e as artes escénicas: Nela estaba a forza do mar.

Paixón e formación
Empecei a inventar cancións cando era unha nena, temas que gravaba nun vello magnetófono de cassettes, e a música e a creación de cancións foron dende entón o meu grande acubillo. Comecei a miña formación estudando canto popular e pandeireta na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, con Xisco Feijoó, e na Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela, con Jara Ortiz, e posteriormente formei parte dos coros de música gospel LUMSA Gospel Singers (no Vaticano), Voices of Freedom (Roma) e o coro da Escuela de Música Creativa de Madrid. Formeime en técnica vocal e canto con diferentes profesores e en diferentes lugares e escolas (Carlo Alberto Gioja, en Roma; Dani Reus, na Escuela de Música Creativa, en Madrid…) ata atopar a soprano Sagrario Salamanca, coa que levo formándome dende o ano 2012.
Dende 2017 comecei tamén a formarme en piano con Úrsula Casás, un instrumento do que namorara xa dende nena, e a compoñer en diálogo con el.

