No ventre da noite fai un percorrido polo imaxinario persoal e colectivo da noite como lugar de pasaxe e de enfrontamento cos propios medos e coas ameazas externas, a través da música, do teatro, da narración oral e das artes do movemento e visuais. As cancións de autoría propia conectan con historias reais para animarnos a atravesar o bosque e chegar ao outro lado, porque do ventre da noite, aínda que agromen as sombras, sempre nace a esperanza dun novo amencer; nun traballo de feitura artesá que propón unha conexión próxima e directa co público e que inclúe un pequeno coloquio final para que as persoas asistentes poidan compartir tamén as súas sensacións e historias.
A autoría e composición, dirección e interpretación musical, textual e escénica é de Ana Abad de Larriva, e David Rodas González colabora na fotografía.
Duración: 60 minutos.

