Cantas veces sentiches que tiñas que calar e gardar o que sentías e o que eras, aínda que o son che estoupase no peito? Algo berra en min é un ruxido cantado, a resposta a unha chamada, un proxecto escénico-musical moi persoal de corte autobiográfico que fai unha viaxe arredor da busca do autocoñecemento, do apoderamento , da liberdade e da expresión da propia identidade a través da arte; e que convida a persoa espectadora a ceibar tamén os seus berros expresivos. Para iso, combina a música coa narración oral, o teatro e as artes do movemento e visuais, establecendo unha conexión directa co público durante toda a función.
A autoría e composición, dirección e interpretación musical, textual e escénica é de Ana Abad de Larriva, e David Rodas González colabora na fotografía.

